Páginas

xoves, 9 de marzo de 2017

TODO CANTO FOMOS: XOSÉ MONTEAGUDO


Xoves, 2 de marzo,


E non defraudou! A obra  que tiñamos para este mes propúxonola o noso querido e sempre admirado, Antón Riveiro Coello: Xosé Monteagudo, un escritor  ata agora descoñecido para  este club de lectura pero que deixou unha marabillosa sensación  entre  os nosos lectores/as. Pasamos co seu, Todo 
canto fomos unha tarde que será inesquecible para nós e  estamos seguros que veu para quedar como un dos escritores, en lingua galega, indispensable en calquera biblioteca de quen se prece bo lector. Quizais sexa a última novela publicada por Monteagudo, pero non a última que gozaremos nós.


“Ás veces pregúntome que misteriosas propiedades ten o tempo para que sen que nada cambie, todo sexa diferente”. (páx. 188)

“O corpo sempre encontra unha forma de sobrevivir como mellor pode ata o derradeiro instante de vida.” (páx. 476)


Xosé Monteagudo nado en Moraña en 1965. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa actualmente como técnico de Facenda na Axencia Tributaria en Pontevedra, cidade onde reside. Desde mozo é un lector insaciable de todo tipo de literatura. Escribe desde a adolescencia, pero só decidiu publicar a unha idade relativamente tardía. Ademais do seu labor como escritor de ficción, tamén imparte obradoiros de narrativa e é colaborador asiduo de GRIAL, revista na que realiza crítica literaria. Algunhas das súas obras son: O engado do triángulo (relato). 2001,  Accesit na XXVII edición do Premio Modesto R. Figueiredo; en 2002, As voces da noticia (novela) Premio Blanco Amor; en 2006 publica a súa segunda novela titulada Esta Historia, na que reconstrúe unha biografía xuvenil a partir das lembranzas universitarias. En 2009 recibiu o Premio García Barros pola novela Un tipo listo.  

As cinco historias que acontecen na novela de hoxe reflicten máis dun século dá historia galega, na que os seus personaxes compoñen unha trama na que a normalidade é só a aparencia baixo a que se ocultan misterios inquietantes. A novela comeza coa presenza dun dos personaxes, quizais o principal, escritor de novelas policiais, que vive en Londres pero deberá regresar ao seu Pontevedra natal para descubrir o seu pasado: “A derradeira carta da miña nai chegou tres meses despois do seu falecemento. Cando despechei a caixa de correos e recollín a correspondencia do día, entre as cartas do banco e os folletos de publicidade estrañoume ver un sobre que levaba o meu enderezo en letra de imprenta. Lin a primeira frase (aquel Querido fillo, inédito e desacougante) e deille a vola ao folio manuscrito. Comprobei que a mensaxe remataba cos trazos góticos e nerviosos da sinatura de miña nai e entón volvín coller o sobre e busquei o remite, pero descubrín que viña sen el” (páx. 9)

Lectores: É unha novela extensa, como estruturaches a escritura:

Monteagudo: É certo que é unha novela extensa, cincocentas e pico páxinas recollidas en capítulos curtos pero intensos. Considérome un escritor bastante lento. Esta novela tardei en rematala cinco anos, hai que pensar que cada historia pode ser unha novela. Quixen xogar, no tema da presentación cos lectores para que fosen eles quen buscase quen era cada un dos personaxes. Foi un traballo de documentación longo e custou un pouco poñer a época en que se desenvolvía cada historia. Tiña claro cal ía ser o punto de confluencia e comecei cada historia no punto que consideraba máis interesante para cada personaxe.


L: A novela está a ter moi boas críticas, como te sentes respecto da acollida que está a ter entre os lectores?

 M:  É certo que a novela está a ter unhas boas críticas e moi bonitas. Hai algo afectuoso en todas elas e está moi ben valorada. Antón Riveiro foi a primeira persoa, fóra da miña contorna persoal, que me deu a súa opinión, comunicoume a través do correo que era unha novela espléndida. Despois de rematala quedoume unha sensación estraña como unha depresión postparto. Encántame asistir a presentacións ou club de lectura como este porque cos lectores/as percíbese canto realmente transmitiches coa túa historia. Unha historia que pasa por tres fases: a que en principio imaxínome, a que pensaba escribir e a que realmente acabo escribindo .

L: A qué detalles dáslle máis importancia cando tentas transmitir unha historia como esta.

M: Unha das causas que dan credibilidade a un libro é dar detalles que non sexan moito de dominio público. Que sexan atractivos para o lector, que sexa unha lectura seguida. O lector outorga verdade a unha ficción cando descobre cousas novas e ten necesidade de seguir lendo capítulo tras capítulo. O libro é unha parte máis do libro, como un personaxe. É tan central como o libro que lle dá o avó á neta: a memoria que lle negaron a Maribel.  

L: Cal é o motivo de que o xornalista sexa o único personaxe que non ten nome? E como se decantou polo nome do resto de personaxes?

M: O non poñer un nome concreto ao xornalista non foi un acto buscado, non foi premeditado, deime conta avanzada a novela. Ao escribir en primeira persoa non é obrigatorio que teña un concreto, ninguén o chama e como é o narrador non se fai necesario. O nome do resto de personaxes foron escollidos tendo en conta a época na que se desenvolven as historias. Antía-Maribel, naqueles tempos os nomes galegos non estaban permitidos, no rexistro civil prohibíanse. En plena ditadura era difícil romper e reconstruír de novo a identidade. Maribel quizá tivo unha opción de elixir, pero as circunstancias obrigárona a non cambiar.

L: Que hai de ficción e que de real nos personaxes?

M: É unha novela coral na que os personaxes en si non son reais. Con todo, cada historia reflicte a situación social da época, o gran poder que ten a Igrexa, a emigración, o estatuto de autonomía, son temas que se tratan na novela que se desenvolve en Pontevedra neses anos vinte-trinta onde se xoga un papel decisivo na sorte de Galicia como país. Os xornais que se citan son reais, había bastante actividade de xornais e imprentas. Neses anos Pontevedra é un centro de vida social, cultural e política de primeira orde. Carlota responde a moitas mestras da época, é un personaxe moi bonito, reflicte a loita das mulleres para acceder á cultura, Maribel é un fio conductor e Filomena, sendo un personaxe secundario e moi boo.  Conversa de Maribel co seu avó:“…Teu pai non quere que estudes porque pensa que iso é cousa de homes. Case ningunha muller estuda e ti non debes ser distinta. Tes que te preparar para casar cun bo partido e logo formar unha familia próspera. Iso é o que pretende para ti.”(páx. 231). Cando as mulleres son conscientes de querer liberarse adoptan unha actitude máis combativa:  “-Ti nunca te deas por vencida- díxolle ao cabo-Ás veces poden impedirnos acadar as nosas metas por un camino, pero na vida sempre hai outros para chegar onde queremos.” (páx. 232)



Outra tarde estupenda. Fixemos un novo descubrimento e seguro que volveremos gozar da presenza de Monteagudo e  algunha nova novela, comenta que está a empezar algo pero, como dixo ao comezo desta entrevista, considérase un escritor lento e necesita moita concentración. Así que a nós sóbranos paciencia e esperaremos o que faga falta. Para ler unha boa novela as présas non son boas compañeiras.
                                                                                                                                                
                                                                                                                                                               Valoración: 5/5

 Próximas lecturas,

Ningún comentario:

Publicar un comentario